ARQUÉTIPOS!

Rehabilitación da Escola de Moreira en Maññufe, a historia dunha obra invisible

Arquétipos!, Arquitectura

Comments Closed


Comparte este articulo

Fotograma do “Home invisible” de James Whale do ano 1933

No ano 2013 fixemos una obra invisible, non é que teñamos a habilidade de facer desaparecer o noso traballo coma o personaxe da novela de Wells, é que as veces so é preciso recoñecer as virtudes do existente para entender que non é preciso (case) intervir.

Esta é unha fotografía na que se aprecia o estado do edificio no que se nos solicitou un cambio de cuberta. Este elemento “metía” auga e as alternativas o sistema actual estaban claras, tiramos co existente e metemos un tellado de chapa sandwich ou botamos unha placa de formigón.

Seguro que vos sona a historia…. nos últimos anos foron substituíndose os tellados tradicionais baseados nunha estrutura de vigas de eucalipto ou pino tea por placas de formigón e tella ou por chapa metálica. Os argumentos sempre son os mesmos, “a madeira xa vai vella”, “non ten illamento térmico”, “os novos materiais aguantan máis tempo e non teñen mantemento”…

O certo e que estes tellados que levan feitos tantos anos son un prodixio estrutural sen precedentes, imaxinádevos unha cuberta de chapa con máis de 50 anos? Non hai ningunha non é? A chapa degrádase antes e non ten máis reparación que tirala ao lixo.

Entender que estas cubertas tradicionais poden funcionar outros 50-100 anos máis é algo no que insistiremos unha e outra vez.


Fotografía da vexetación que medraba na cuberta

Fotografía da fachada lateral con afloramentos e humidades

“¿E se non poñemos o panel sandwich que facemos? ¿Como milloramos o illamento? ¿Como evitamos as entradas de auga? ¿Como paramos os ataques dos hongos xilófagos (os que comen a madeira)? ¿Que facemos coas tellas rotas?

As respostas son sinxelas, cunha serie de operacións que describiremos a continuación poderemos ter un tellado, fiable, estable, seguro e illado. A maiores aforraremos moitos cartos e estaremos coidando a “pegada ecolóxica” da obra.

1- A limpeza da tella. O primeiro paso será desmontar a tella e limpala manualmente, unha por unha, aquelas que están rotas reporanse por outras iguais. Hoxe en día é moi sinxelo atopar tella plana da época porque ninguén a quere e todo o mudo tira con ela. Basta con ir a algún vertedoiro ou empresa de derrubos e pedirlles unhas cantas.

2- A recolocación da madeira. Estes tellados meten auga principalmente porque a madeira ten pequenas fatigas e isto fai que aparezan “barrigas” nas cubertas. Dende abaixo son difíciles de ver pero en canto te achegas son evidentes. O único que temos que facer e calzar as ripias ou as viguetas para recuperar a planeidade.

Barrigas do tellado da escola Moreira durante a intervención

3- A protección da madeira. Unha vez e “calzada” a madeira teremos que protexela mediante aplicación dalgún dos tratamentos funxicidas existentes no mercado.

4- A colocación do illamento térmico. Para mellorar o illamento térmico nos interiores do edificio podemos dispor de pranchas ríxidas no chan do baixocuberta ou tamén podemos optar por colocalas entre a estructura da cuberta se preferimos facer o faiado habitable.

Pranchas de poliestireno ríxido no chan do baixocuberta da Escola Moreira

5- A recolocación da tella. Unha vez que temos a estrutura tratada e a planeidade recuperada xa podemos repor a tella. É importante que se amarre cada unha con aramio de aceiro inoxidable á ripia correspondente.

Fase da recolocación da tella

O resultado do traballo é unha obra con menor custe económico, menor pegada ecolóxica e maior respeto o patrimonio construído.

Fotografía da Escola rehabilitada

Ah! E cos cartos que aforramos conseguimos repintar as fachadas, e parchear o patio de xogos dos cativos!

Fotografía da fachada lateral repintada

Fotografía da parte traseira da escola rehabilitada e patio de xogos